Tuesday 21 de May de 2024

O Concello renova o seu compromiso coa Tempada Lírica para situar a cidade un ano máis como referente en programación musical


O Concello da Coruña apoia a celebración deste ciclo de concertos que este ano contou con intérpretes como Xavier Anduaga ou Vanessa Goikoetxea

O Concello da Coruña continúa coa súa aposta por unha programación cultural de calidade ao longo de todo o ano, o que contribúe a potenciar a imaxe da cidade como referente en oferta musical en distintos estilos e para múltiples públicos. A Tempada Lírica completa un ano máis o seu ciclo de concertos, que ten lugar cada ano entre os meses de setembro e decembro cunha elevada participación.

O Goberno de Inés Rey aposta por esta programación, que cada ano trae á cidade óperas e recitais, e colabora coa Asociación Amigos da Ópera da Coruña, unha entidade que acaba de cumprir 70 anos. É un dos obxectivos do Concello a potenciación da actividade tanto turística, como da celebración de eventos, congresos, simposios, seminarios, encontros e outras actividades de interese turístico para a cidade. Nesta ocasión, e a través dun convenio con Amigos da Ópera, o Consorcio de Turismo apoia con 25.000 euros as actuacións dos intérpretes Xavier Anduaga e Vanessa Goikoetxea no Teatro Colón e no Teatro Rosalía de Castro nos meses de setembro e outubro, respectivamente.

As representacións destes artistas contribúen á promoción turística e cultural da cidade a nivel nacional e internacional xa que a programación de actividades no marco das artes escénicas, como a música, o teatro, os museos e o cine son un factor de atracción de turismo urbano e contribúen á desestacionalización da demanda turística.